domingo, 6 de diciembre de 2009

Volve o Apalpador para agasallar aos nenos na noite do vindeiro día 24


Xoán G. recréao nun libro que se presenta hoxe na Festa da Pisa da Castaña en Froxán, no Courel

O Apalpador, un personaxe do folclore da serra do Courel que foi rescatado do esquecemento hai poucos anos, adquire unha nova figura grazas ao debuxante Xoán González Otero -infógrafo de La Voz de Galicia-, que escribiu e deseñou o primeiro conto infantil a toda cor baseado nesta vella tradición de Nadal. A obra, que vén de ser publicada pola editorial Biblos, vai ser ser presentada hoxe na localidade de Froxán, coincidindo coa Festa da Pisa da Castaña do Courel.

A interpretación que fai González do Apalpador difire bastante da primeira representación gráfica deste personaxe, realizada polo artista Leandro Lamas e publicada nun folleto que editou a asociación compostelá A Gentalha do Pichel. «Non quixen debuxalo con roupas remendadas e con ese aspecto como de mendigo, porque eu penso que esa imaxe, aínda que corresponde coas descricións populares do personaxe, é froito dunha deturpación posterior desa tradición», comenta González.
O criterio seguido polo artista parte da idea de que personaxes como o do Apalpador forman parte da mesma tradición que o carbón de Nadal e do conxunto de rituais relacionados co solsticio de inverno que comparten moitos pobos europeos.

«Estes personaxes e estas tradicións, que teñen orixes moi antigas e están presentes no folclore de moitos países, foron desprazados por outras tradicións que viñeron despois, como a dos Reis Magos, e pouco a pouco foron sendo desprestixiados e abandonados», explica González.

Tradicións perdidas

«O Apalpador, o mesmo que o carbón, tiñan orixinalmente un carácter positivo e benéfico, porque representan a provisión de calor e de alimento para o inverno. Pero cando se afianzou a nova tradición dos Reis Magos, o carbón pasou de ser un agasallo a un castigo para os nenos malos, e os personaxes relacionados con el, como o Apalpador, foron cada vez máis desprezados», engade.

O Apalpador deseñado por González non ten unha vestimenta moi definida. «Preferín non darlle unha imaxe de pobreza, porque penso que ese aspecto pobre se debe en grande parte ao desprestixio en que se sumiron estas vellas tradicións cando foron substituídas por outras», di o artista. «Por dicilo así, o aspecto glamuroso e os bos agasallos quedaron reservados para os Reis Magos, mentres que a imaxe do Apalpador e doutras figuras semellantes se empobrecía cada vez máis para ser finalmente esquecidas», agrega.

O conto, por outro lado, axústase de forma estrita á tradición oral sobre este personaxe que foi recollida no Courel polo investigador José André López. «O libro conta dunha forma sinxela a tradición do Apalpador sen engadirlle nada máis», sinala o autor, quen aposta pola recuperación desta figura para a moderna cultura popular galega.

O Concello da Coruña vai contribuír a esta recuperación financiando unha edición especial da obra que será distribuída gratuitamente en diversos actos no próximo Nadal, contando igualmente cunha personificación do personaxe. González tamén está a divulgalo a través dunha páxina web, no enderezo Apalpador.com.

Enlace coa nova publicada en La Voz de Galicia do día 06/1272009

No hay comentarios:

Publicar un comentario