O Apalpador é un personaxe mítico galego que baixa polo Nadal a levarlles os agasallos aos nenos. Entra de noite nos seus cuartos cando están durmidos e apálpalles a barriguiña por ver se están mantidos e déixalles, ademais dos xoguetes, unha presa de castañas.
O vello Apalpador, ou Pandegueiro como se lle chama en partes do oriente ourensán, é unha figura lendaria galega que achega os agasallos aos nenos polas datas de nadal. Este xigante, de oficio carboeiro, baixaba das devesas e apalpaba as barriguiñas dos cativos. Se estaban cheas dicía: «así, así esteas todo o ano» e deixáballes unha presa de castañas. Senón calaba, pero deixáballes tamén as castañas.
Para tranquilizar aos rapaces, bulideiros pola inquedanza da chegada do Apalpador, os pais cantáballes:
Vaite logo, meu meniño (miña meniña)
marcha agora para a camiña
Que vai vir o Apalpador
a apalparche a barriguiña
Xa chegou o día grande
día do noso Señor.
Xa chegou o día grande
e virá o Apalpador.
Mañá é dia de cachela,
que haberá gran nevarada
e há vir o Apalpador
cunha mega de castañas.
Por aquela cemba
xa ven relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo.
Diccionario básico: cachela = plancha furada para asar as castañas, mega = cesta para apañar castañas e outros froitos secos, e cemba = parte elevada dunha montaña ou camiño.
Enlace coa páxina web O Apalpador.com na que se pode baixar o PDF do libro "O Apalpador" editado por Biblos. Orixinal agasallo que recomendamos para tódolos nenos, e os non nenos, galegos neste Nadal.
No hay comentarios:
Publicar un comentario