viernes, 29 de enero de 2010

O xornalista arzuán Pablo García presenta o sábado a súa novela gañadora do premio Biblos-Pazos

Relato dun estalido xordo é o título da novela gañadora da quinta edición do Premio Biblos-Pazos de Galicia, que distinguiu unha obra da autoría de Pablo García Martínez, un mozo de Arzúa de 24 anos, xornalista de profesión. A vila natal do autor acollerá o vindeiro sábado a presentación do libro, que reflicte o mundo dos adolescentes dunha pequena vila do interior de Galicia cunha acción contextualizada na cultura pop.

O recoñecido escritor galego Manuel Rivas exerceu como titor de Pablo García no proceso de elaboración da obra, que hoxe se presentará na libraría Couceiro, en Santiago, da man de Iria López Teixeiro e Alberto Ramos, gañadores das dúas últimas edicións do Premio Biblos-Pazos de Galicia.

Un grupo de mozas e mozos sumidos nas transformacións da adolescencia son os protagonistas de Relato dun estalido xordo, que ten como fío conductor da trama principal unha noite de troula para procurar deterse a debuxar as múltiples miserias que compoñen esa idade chea de inseguridades que os protagonistas partillan, ás veces falando e outras sen conseguir facelo. Os pensamentos que secundan cada un dos seus inseguros xestos ansiosos de aprobación dan forma a un mundo propio e singular, singularizado polos camiños máxicos da vida e da morte.

Aínda que o libro se publicou inicialmente en galego, en poucos días estará tamén dispoñible a tradución ao castelán, que correu a cargo de Saleta Fernández.

Pablo García compaxina a súa faceta literaria co seu traballo nun xornal dixital, no que se encarga principalmente da sección deportiva, amén doutros temas que lle solicita puntualmente a dirección do medio. Ademais, xestionou as páxinas web Galiza Olímpica e Nsaio, entre outras actividades das novas tecnoloxías.

Enlace coa nova publicada na edición compostelá de La Voz de Galicia do día 28/01/2010
-

No hay comentarios:

Publicar un comentario